O Barco e a Terra de Valdeorras durante a II República e o Franquismo. (1931-1977).

Félix García Yáñez 

 

 

A historia do pobo de Alberguería na súa loita en contra do encoro de Prada. Páxina 556 e seguintes no libro citado.

 

".... Na cerna da visita de Franco para inaugurar o Salto de Prada encóntrase, previamente, o proceso de expropiación das propiedades campesiñas da aldea de Alberguería, situada no que había ser futuro encoro construido sobre o curso  do río Xares, a favor da empresa Hidroeléctrica de Moncabril S.A. (114). Foi  un proceso inscrito na legalidade franquista, con mecanismos xurídico-políticos ao servizo da grande empresa e determinado polas necesidades de acumulación de capital.

Pobo de Alberguería, do que está a falar o texto, sin dudalo o pobo máis bonito e máis próspero da comarca de A Veiga. Hoxe asolagado polo encoro de Prada (A fotografía foi posta no texto polo webmaster da www, Secundino Lorenzo.)

   Para o aproveitamento hidroeléctrico da conca  dos ríos Xares e Bibei a comenzos dos cincuenta interesáranse, coa presentación de proxectos, varios particulares. Entre eles figuraba Saltos del Sil S.A., Hidroeléctrica de Moncabril S.A., , e Marcelino Suárez, do Barco. Este último coa intención, unha práctica moi usada na época, de revender a concesión (115). O goberno concédelle en marzo de 1955 a Moncabril a explotación integral do río Xares dende o seu nacemento ata a súa confluencia co regueiro de Riomao. O resto dos dous cursos asígnallos  a Saltos del Sil.

   O proxecto do encoro de Prada, dentro da concesión de Moncabril, presentárono en 1947. A súa realización condicionábase a seis anos e a explotación sería por un plazo de 99 anos, revertendo ao estado nesa data. Tocante ás características técnicas  xerais, estaba previsto que tivese unha capacidade  de encoramento de 122 millóns de m3 de auga, mediante a construción dun muro de 85 metros de altura. O desnivel do salto sería de 320 metros, cun caudal máximo de 24 m3 por segundo, para producir anualmente 156 millóns de quilovatios. A posta en funcionamento foi en novembro de 1958 (116). Logo de rematar esta obra Moncabril valorou acometer unha segunda no curso superior do río Xares á altura de Corzos.

Pobo de Alberguería no ano 1959 a punto de ser tragado polo encoro de Prada; este é o pobo do  que está a falar o texto. (A fotografía foi posta no texto polo webmaster da www.)

  A construción do salto hidroeléctrico de Prada carrexou que a aldea de Alberguería desaparecese totalmente debaixo das augas o 9 de maio de 1959. Era un dos 29 núcleos de poboación que formaban parte do termo municipal da Veiga. Este municipio coas súas 29.109 hectáreas é o máis extenso da provincia e atópase nunha altitude media que pasa dos 1000 metros. Ademáis este Concello era pola mitade dos anos cincuenta un dos 33 da provincia de Ourense que dende os poderes provinciais, o Goberno Civil e a Diputación, estaba considerado como dos máis atrasados en canto a dispoñer dunha rede de enerxía eléctrica para o consumo. A súa capital, a localidade da Veiga, non dispuña en xullo do 1958 nin de electricidade nin de teléfono. Porén, dentro do Concello da Veiga dábase ao tempo o paradoxo de ter electricidade. A Alberguería ao dispoñer dunha pequena fabrica de luz, que o veciño Amancio Prada Barrio  instalara transformando un pequeno muíño. Esta fábrica acabou abastecendo ademáis os veciños da aldea, unha pequena planta de gaseosas e as aldeas estremeiras, entre elas a de Prada e máis a de Meda.

Na fotografía vese, xunto a pasarela do río Xares, o muiño onde estaba situada a minicentral de Amancio Prada que deu luz a Alberguería e outros pobos da zona. Un poco máis abaixo fíxose a presa, da que está a falar o texto. (A fotografía e este comentario foi posto no texto polo webmaster da www.)

   A Alberguería compoñíana uns 350 habitantes agrupados en 100 familias, que combinaban unha agricultura de autoconsumo coa ganadería de montaña, e que representaba ao redor do 10% do censo do municipio. Ademáis estaba considerada como a aldea máis próspera do termo municipal por mor do seu emprazamento na ribeira do Xares. Por outra banda, era a aldea do concello que estaba situada a menor altitude, o que posibilitaba unha maior diversificación do policultivo agrícola.

Alberguería, efectivamente, estaba situado nun lugar de privilexio o máis baixo en altitude da comarca da A Veiga, xusto a esquerda da fotografía, na que se ve a isla de Preboubo e un val sensacional. Neste val, abrigado do norte, dábase de todo, un auténtico paraiso na montaña (Comentario e fotografía posta polo webmaster da www)

    Coa finalización das obras do encoro a totalidade das familias tiveron que emigrar por completo. Algunhas instaláronse provisionalmente nas aldeas da contorna onde dispoñían da axuda dalgún familiar. Mais a maioría acabaron estabelecéndose nos concellos do Barco e da Rúa, ou formando parte da diáspora migratoria cara ás zonas urbanas españolas -Vigo, Bilbao ou Barcelona- así como da emigración europea ou transoceánica: Arxentina, Brasil ou Cuba.

Veciños de Alberguería reunidos o 15 de agosto do ano 2005 celebrando a súa festa da Virxen en Buenos Aires. (Foto aportada polo webmaster da www)

    Por mor do seu illamento e pola carencia dunha oposición articulada políticamente-esta estaba daquela no exilio ou na cadea- as condicións do espolio cinguíronse á legalidade da ditadura.

Veciños de Alberguería reunidos o 15 de agosto do ano 2005 celebrando a súa festa da Virxen a pé de presa en Prada (Ourense). O Concello de A Veiga, este ano 2005, non deu nin a hora para este evento (outros anos daba 150 €), hai alcaldes de alcaldes...(Foto e comentarios aportados polo webmaster da www)

   Durante o proceso non se propuxo a reinstalación da aldea nos arredores mediante a creación dun novo poboado para as familias interesadas, maila que estas desexaban quedar nas proximidades da terra asolagada. Nun primeiro momento, no ano 1957, ofrecéronlle trasladar a aldea a unhas terras chamadas o Campo da Gonza (117), na Serra de San Lourenzo, que tiña unha extensión de 570 hectáreas. O Xornal a Región de Ourense, vehículo e voceiro dos intereses da empresa, chegou a publicar que esta indemnizaba con oito hectáreas de terreo, casa e axuda os que tivesen que abandonar a aldea. E que se facía cargo dos gastos de traslado.

   Este lugar estaba a uns 20 quilómetros de Alberguería , eran uns terreos lindeiros coa aldea de Penouta do municipio de Viana do Bolo e situados a unha altitude superior os 1000 metros. Foi ese último factor, co de teren que romper por primeira vez a terra, o que decidiu o rexeitamento da oferta tomada polo concello da Alberguería. Eran conscientes de que a localización ofrecida imposibilitaba seguiren coas súas formas tradicionais de subsistencia agraria.

   Posteriormente ofrecéronlles aos afectados polo desaloxo o seu asentamento nas novas terras dispoñibles na Lagoa de Antela, que estaba en proceso de desecamento. Ante esta oferta unha comisión de veciños encabezada por Marcos Murias Feliz, o seu párroco naquela altura,, desprazouse ao lugar asignado para velo, estudalo e informar sobre as súas condicións de cultivo. A información achegada por esa expedición significou o rexeitamento dos veciños a esta segunda alternativa. As razóns eran que as terras que lles ofrecian mediante un sistema de colonias, por un determinado número de anos, non supoñía o acceso a plena propiedade. Estaba, igualmente, tamén a necesidade de poñeren en cultivo por primeira vez o solo ofertado, nun momento en que "romper"  terra a primeira vez requería un gran traballo persoal ao dispoñeren soamente de ferramentas tradicionais e non contaren cunha maquinaria agrícola mecanizada. Por último, os terreos da Lagoa de Antela estaban condicionados igualmente, dende o Ministerio de Agricultura, á planificación estatal e destinados á produción en monocultivo de pataca, que tamén poñía en cuestión ao tradicional policultivo de subsistencia s afectados: "...cando foi que quixeron trasladar a aldea, daban unha cantidade de terreo e a xente non qixo porque tiñan unhas  condicións que o día de mañá non se podía herdar, entón a xente rexeitouno" (118).

Fotografía, penso que na Terra Cha en Lugo a onde tamén pretenderon levar o pobo de Alberguería entre outros lugares. (Comentario e fotografía aportada polo autor da www).

   Ao non aceptaren os veciños a súa localización na terra da Limia desmontouse pedra por pedra, a instancias do bispado de Astorga, a igrexa parroquial. Reconstruírona na aldea da Veiga de Cascallá, no concello de Rubiá, a máis de 40 quilómetros de distancia, no otro extremo de Valdeorras. Trasladaron asi mesmo os restos do cemiterio ata os da aldea veciña de Prada. Posteriormente construíuse un cemiterio que foi a primeira obra executada por Moncabril que afectaba directamente os intereses máis inmediatos dos veciños de Alberguería. Para isto o Concello da Veiga, previamente en maio de 1955 aprobou e supervisou a realización dun novo máis amplio que servise para aloxar os restos dos veciños das dúas parroquias lindeiras, Prada e Alberguería.

Iglesia de Alberguería trasladada pedra a pedra a Vega de Cascallá, pero moi mal xa que desapareceu case todo. (Comentario e fotografía engandida polo autor da www, non polo historiador).

   No desaloxo final dos veciños recorreron ao método expeditivo da "expropiación pola forza" articulado mediante a disposición de declararen previamente a obra hidráulica como de "interese nacional". A valoración das propiedades que isto comportaba foi posta en cuestión constantemente polos afectados. Os organismos do réxime non puideron pasar por alto o descontento veciñal que a expropiación producía

    "...los reunidos estiman oportuno recoger del representante de la Hermandad de La Veiga, Luis R. Fariñas, la urgencia que formula en el sentido de que se gestione ante los organismos competentes,  para que estos a su vez lo hagan llegar a las empresas interesadas, que cuando se trate de proceder a la fijación de las indemnizaciones que pudieran corresponder a los labradores afectados por las inundaciones de los embalses de agua, en aquellas zonas a donde se producen, se señalen estimando el valor contractual de las fincas o predios afectados por la expropiación, solicitando informe actualizado de valoraciones a las jefaturas agronómicas y hermandades respectivas, toda vez que viene sucediendo el que las indemnizaciones que se ofrecen por alguna empresa expropiante están estimadas en valoraciones a precios que regían hace algunos años, por lo que resulta un indudable perjuicio económico para los expropiados, que vienen a ser los propios labradores, ya que el valor de la fiscalidad ha aumentado notoriamente desde que se han hecho las primeras valoraciones y los que actualmente corresponden que son los que en justicia deben considerarse para efectos de indemnización" (119). 

Neste mapa, bordeado de azul,  foron os terreos que colleu o encoro, pero fora deles os veciños de Alberguería tiñan moitas máis terras que non lle pagaron ( Texto e mapa aportados polo autor da www)

   Malia haber unha pequena parte dos veciños que se conformaron co prezo pagado, foi xeral a repulsa a non valoraren nin taxaren as terras de labor que non estaban dentro do perímetro da zona inundada e que igualmente se viron imposibilitadas de traballar. Unha parte importante do solo rústico, do que se chegaron a expropiar máis de 3.000 leiras (120), quedou illado nas beiras do encoro impedido o seu doado acceso, ben asolagando as augas os camiños, ou ben facendoo extremadamente penoso. Na mesma situación estaba tamén unha parte das propiedades comunais da Parroquia, que ante o seu abandono pasaron a ser aproveitadas aos poucos veciños das aldeas lindeiras.

Estas leiras foron as que pagaron e para eso mal. As leiras poden verse en grande noutro lugar da www. (Texto e plano postos polo autor da www).

O encoro asolagou moitas terras, pero quedaron foran moitísimas que non foron abonadas nunca. E así como o conta o historiador Félix Garcia Yáñez. Foi unha auténtica vergoña e un timo, as autoridades, en xeral, laváronse as mans, como Pilatos.... (O texto e o mapa está posto polo autor da www)

   Por outra banda houbo unha maioría de veciños que non aceptaron a valoración proposta para as súas propiedades urbanas. Durante o proceso de expropiación houbo 80 afectados que reixeitaron a oferta da ampresa sobre 197 dos seus predios, rústicos e urbanos. Ante esta situación para pechar o prazo a empresa Moncabril recorreu a un organismo creado pola Lei de Expropiación Forzosa de 1954, o Xurado Provincial de Expropiación (121). Este organismo provincial compoñíano: un maxistrado da Audiencia Provincial, un avogado do Estado; un inxeñeiro de montes; un representante da cámara Provincial Agraria; e máis un notario. Todos eran designados dende o Goberno Civil.

   Era un dos múltiples organismos estatais que participaba, por causa da súa composición e extración social. da mentalidade política e de clase da ditadura. Así este xurado excluía expresamente a representación dos afectados, ou os seus representantes, e poñía os intereses das partes en conflito ao arbitrio deses técnicos estatais. Uns técnicos que pola procedencia sociolóxica, alto funcionario urbano, ideolóxicamente decantábanse de xeito doado polos intereses das empresas. (122).

A verdade, está clara e dedúcese do texto,  foi un completo e indeseable proceso que suposo unha aldraxe impresentable. Realmente para chorar o que lles pasou os meus amigos de Alberguería. (O texto debaixo da fotografía é do autor da www; a fotografía é do Diario O Sil do Barco)

  O Xurado de Expropiacións, no remate do proceso acordou como resolución final, un prezo xusto de rigurosa obediencia polos expropiados e pola empresa Monabril S.A.

  En  conxunto o prezo xusto acordado andaba polas 3.266.151 pesetas para o conxunto das 193 terras e casas, un pouco por riba do ofrecido pola empresa Moncabril que ofrecera pagar ao redor dos valores catastrais. Uns prezos xustos que ían dende as 1.512 pesetas por unha terra de Rogelio Primo ata as 147.282 pesetas que cobrou Álvaro Álvarez por outra.

   A non aceptación do prezo xusto só podía ser impugnada cunha sentenza en firme da Administración de Xustiza. Houbo varios afectados que recorreron. Entre eles Clemente Sierra Brasa, grande propietario agrario na Terra do Bolo, e residente na Casa Grande de San Miguel de Outeiro, de Vilamartín de Valdeorras. Este preiteou durante varios anos, contra o prezo xusto asignado os seus 19 predios e dúas casas expropiadas. A fin, logo de pasar por diversos tribunais, unha sentencia do Tribunal Supremo en 1960 pecha o preito dándolle a razón á empresa Moncabril no prezo asignado pola Comisíón Provincial de Expropiacións. Tamén recorreu a Xustiza Amancio Prada Barrio para manter os dereitos da súa pequena fábrica de luz, que nun principio non foron respectados. Após máis de catro anos de pleitos Moncabril tuvo que asumir a sentencia do Supremo que recollía os dereitos da empresa eléctrica de Alberguería como distribuidora eléctrica dunha parte importante do Concello da Veiga e outros estremeiros. Esta empresa coa merca de enerxía a FENOSA, seguíu suministrando en exclusiva a electricidade as aldeas do municipio que a foron instalando: A Veiga, Prada, Meda, Vilaboa, Candeda, Corexido, Castromao, Carracedo, Casdenodres, Lamalonga, Curra, Valdín e Corzos.

    Houbo, á parte, dúas familias que se opuxeron dende o principio a aceptaren calquera acordo que supuxese o desaloxo e resistiron nas súas casas todo o tempo que puideron. Aos veciños que se negaban a marchar déronlles un último prazo de dous meses para abandonaren a aldea antes de comenzar a inundala. Antes utilizáranse os servicios coactivos da Garda Civil, que estaba establecida cunha casa cuartel na localidade

   "...referente a saír da aldea, pois aí foi un desastre; a maioría da xente foi saíndo como puido; foron comprando nun sitio, foron comprando noutro; acórdome como se fose hoxe, que estaba traballando e a mañá a Garda civil alí: "es que tiene que dejar esto" (...). Tamén botaron a xente a mocazos; houbo xente razagada  que  quixo saír, había un que agora está en Vigo  que chegou o encoro case ata súa porta da casa; tivo  que saír en barca. (...) xa che digo que fixeron saír de hoxe para mañá; encontrar as cousas, e tivese ou non tivese onde ir, e marchamos para unha aldea que se chama Fornelos, que tiñamos alí familia, e logo para a Pobra de Sanabria, e despois para aquí (O Barco) (123).

Fotografía posta no texto polo autor da www.

  O desaloxo foi un constante goteo dende o comenzo das obras. Estas duraron cinco anos e realizounas a empresa contratada por Moncabril, "Tierras y Hormigones S.A.", que entorpeceu mediante os seus traballos, a vida cotiá e produtiva da aldea.

Fotografía posta neste traballo polo autor da www e que penso que ilustra o texto.

  A partir do remate do muro de contención do pantano a aldea foixe cubrindo paulatinamente polas augas do río Xares ata que en maio do 1959 desapareceu totalmente o derradeiro vestixio somerxido.

Outra imaxen de Alberguería posta polo autor da www e que penso axuda a entender o texto do historiador Félix García Yáñez, por certo marabilloso e o que lle dou as grazas no meu nome e no nome de todos os veciños de Alberguería que indan viven. Moitas grazas.

   O sentimento de perda afectiva e de expolio que os veciños interiorizaron exprésao Manuela Estévez Paradelo, unha das persoas emigradas a Bos Aires

Na fotografía vese como quedou o encoro, xusto despois desa isla que se ve, a isla de Preboubo, estaba Alberguería. A dereita abaixo vese a Manuela Estévez e as súas irmáns Temita e Sexa que están actualmente en Bos Aires.  A Manuela (para mín Lily) débese no 99,99 % o que esta páxina www nacera. Esta fotografía é unha dedicatoria que lle fago como webmaster na www. Por suposto o texto e a fotografía non son do historiador.

 

"...pagaron sólo lo que quedó bajo las aguas y a valores irrisorios y que ellos fijaron arbitrariamente, fue como una limosna y todo lo que quedó fuera del embalse: tierras, touzas, bouzas, castaños, viñedos y otros, no pagaron ni un céntimo. Es decir, que prácticamente nos echaron sin nada y cada vecino tuvo que ir deambulando por donde pudo, al amparo y con la ayuda de otros familiares o amigos, unos dentro de España y otros en el extranjero. Las injusticias que se cometieron con la gente de Alberguería, lamentablemente fueron avaladas por autoridades del Ayuntamiento de La Vega, que fue comprado por Moncabril y utilizaron sus influencias contra el pueblo de la Alberguería. La única persona con condiciones y preparación para poder defender al pueblo y que de echo lo defendió, era el cura don Eleodoro, que por esa razón, hicieron para que fuera trasladado a otro destino para ejercer el sacerdocio y así sacado del medio para que no les estorbase" (124).

   A lembranza do papel desempeñado polos cregos don Eleodoro e mais don Marcos Murias Feliz (125) na defensa dos seus fregueses e recorrente en todos os veciños desaloxados. Estes puxéronse sempre da parte dos veciños e asumiron conscientemente as consecuencias das súas decisións. Unhas consecuencias que na época acababan reportando, como máxima represalia, o traslado por decisión do bispo de Astorga a outra parroquia da diocese. Compre non esquecer tampouco que en pleno apoxeo do réxime, a Igrexa que participara activamente na súa implantación e consolidación, era a única institución á que lle estaba permitida unha leve crítica das decisións políticas. Porén, os reproches son continuos cara o papel desempeñado polos homes que exerceron o poder municipal.

As vías de comunicación entre os pobos quedaron completamente trastocadas, foi unha desfeita total. (Fotografía e comentario do autor da www.)

   Os homes que dirixian o Concello da Veiga non apoiaron ningunha medida que puidese beneficiar os veciños de Alberguería. Estes soamente reclamaron perante a empresa certos acordos parciais que suscribiran con ela e que esta se retrasaba en executar. É o caso da pouca dilixencia en instalar a luz na propia cabeceira do concello: "...solicítase que se lle adiante á empresa Moncabril a obriga que no seu día han de ter que cumprir de subministrar fluído eléctrico á capitalidade do concello" (126)

Ponte da Veiga, do pouco que se fixo na zona que non fora a cargo do estado. Realmente para chorar. (Comentario do webmaster da www, fotografía cedida polo diario O Sil do Barco)

  Por outra banda o Estado impoñía, no decreto de concesión para a construción do encoro, a obriga de restablecer todas as vías de comunicación que resultasen afectadas, así como os camiños e servidumes legais. E tamén os servicios municipais, igrexas, cemiterios, escolas, etc. que quedasen inutilizados polas obras.

  O Concello en principio tamén lembrou á empresa estas condicións, que conscientemente eran esquecidas. A práctica empresarial baseábase en prescindir de todo gasto que non estivese ligado directamente á obra. Ante esta actitude o Concello tranfiriu as reclamacións polos estragos causados neses bens á administración estatal. Deste xeito acabáronse de realizar á conta do orzamento público ós últimos tramos da ansiada estrada que comunicaba o Barco con Viana polo municipio da Veiga. En novembro de 1957 o pleno municipal recollía na acta que

    "...seguidamente el Sr. Alcalde-Presidente expuso con motivo de los Saltos de Prada en este municipio, construidos por la Sociedad Hidroeléctrica Moncabril S.A. queda inundado el camino rural que desde el pueblo de dicho Prada conduce a esta plaza, inundación que según informes de la citada sociedad ha de ser llevada a cabo dentro del próximo año 1958 por lo que era de suma urgencia interesar  a los Poderes Públicos la tramitación de la carretera del Estado denominada "Puente de San Fernando a Viana del Bollo" por esta localidad en sus trozos 4º y 5º" (127).

Cemiterio de Prada. Aquí están enterrados algúns veciños de Alberguería. O traslado foi de Xuzgado de Garda, terrible. (Comentarios e fotografía do autor da www)

   Nin siquera tentando desviar as responsabilidades e compromisos da empresa cara o estado consiguio o municipio que aquela o escoitase. Así, setes meses máis tarde o Concello acorda remitir queixa formal ante o gobernador pola práctica empresarial que se negaba a subtituir a ponte e a estrada da Alberguería.

      "...que como es sabido de la Corporación y del dominio público por la Sociedad Moncabril S.A. se ha llevado a cabo el cierre de la presa de Prada, del salto de Prada, dejando bajo las aguas el puente municipal denominado de la Alberguería, nucleo de comunicaciones de este ayuntamiento con los límites de Petín y Barco de Valdeorras, paso obligado de todos los vecinos de Prada, Riomao, Corejido, pertenecientes a este municipio, así como a otros núcleos que tienen sus propiedades, en distintos márgenes del río Jares y término municipal del Bollo" (128).

Na fotografía a ponte a que fai referencia a acta do Concello. A verdade é que a protesta foi unha tomadura de pelo para a xente da Veiga, e non digamos para a xente de Alberguería como podedes comprobar no texto que sigue. (A fotografía e este texto foron introducidos polo autor da www).

O gobernador civil, Jose Maria Quiroga de Abarca, ante a fasquía que tomaba o problema planifica unha viaxe oficial ao concello para escoitar persoalmente as queixas veciñais. Fíxase a data da visita para o 28 de xuño e cando a vila da Veiga "engalanara as rúas para recibilio cariñosamente" preséntase no canto del un delegado gobernativo que desculpa a ausencia deste por ter que se trasladar urxentemente á Coruña.

Fotografía do gobernador, é o que extende a man,  que por certo non asistiu a Veiga e mandou un delegado. Unha auténtica risa. A historia pon a cada quen no seu lugar, e a do Alcalde de A Veiga dende logo. (Comentario do autor da www, fotografía do historiador, que está sacada no Barco e non se corresponde co acto do que se fala)

 O delegado reúnese coa corporación municipal e con mebros das "forzas vivas" do concello para tratar a "preocupación veciñal polo encoro de Prada". Expóñenlle a problemática da incomunicación das aldeas que a obra propiciaba e lémbralle que

"...otro gran problema es la desvalorización de los capitales, ya que al coger el pantano los mejores terrenos, muchos vecinos no podrán vivir en estas zonas, ni tampoco marchar porque el capital que reciben no es suficiente para desplazarse quedando algunos en lastimosa situación. Después de oir las manifestaciones de algunos interesados, así como de vecinos del mismo Alberguería, especialmente de D. Raimundo, que expuso el problema social que se creaba en esta comarca y de Antonio Yañez que en brillante alocución recalcó el interés que autoridades y público debían tomar para dar solución a este asunto de vital importancia, el delegado gobernativo dio palabra de trasmitir a nuestra primera autoridad la impresión recibida y tratar de dar solución lo más favorable para todos..." (129)

Por estas pequeñas reclamaciones, efectuadas pola corporación municipal á empresa e ao gobernador civil, no día da inauguración oficial por Franco do encoro de Prada o alcalde da Veiga foi excluido dos lugares preferentes de recibimiento.

Fotografía do acto de inauguración. A dereita de Dª Carmen Polo esta o Gobernador civil de Ourense, que por suposto si veu a este acto, inda que non a falar co Concello de A Veiga polos problemas coa xente de Alberguería. O alcalde de A Veiga foi relegado deste acto. (Comentario do webmaster da páxina , fotografía do Diario O Sil do Barco).

 

O seu posto ocupouno, por decisión do Gobernador Civil, o alcalde de Viana do Bolo, Manuel Pérez Puga. Ademais asistiron a este acto, entre outras personalidades da ditadura, o presidente do Instituto Nacional de Industria (INI) Juan Antonio Suanzes, daquela xa o auténtico propietario do Salto; o presidente do Concello de administración de Hidroeléctrica de Moncabril; e máis o prelado de Astorga, Marcelo González Martín (130), que bendiciu a obra.

------------------------------------------------------------------------------------

Ata aquí o texto sensacional do historiador Félix García Yañez. que aparece no libro xa citado.

É interesante aclarar as notas que aparecen no texto. Algunhas moi curiosas.

(114) Hidroeléctrica Moncabril, empresa constituida no ano 1946, cun capital de 25 millóns e que naceu para aproveitar a conca do Tera .......

(115) Xa en 1928 lle deran a Marcelino Suárez, a concesión administrativa para aproveitar 3000 litros/s do río Xares na Alberguería.

(116) Hidroeléctrica Moncabril S.A. Memoria del año 1968.

(117) Posteriormente o Ministerio de Agricultura concédelle á Caixa de Aforros Provincial dúas parcelas de 40 e 90 Ha para dedicalas o monocultivo da pataca....

(118) Entrevista a Celso Rodriguez. Abril do 2002.

(119) AHPROU Acta da xuntanza de xefes e secretarios das Irmandades  sindicais de Labradores e Gandeiros da comarca do 25 octubro do 1956.

(120) Os propietarios delas eran maioritariamente da Alberguería, máis tamén lles afectuo a veciños dos nucleos de Candeda, Casdenodres, Castromao, Prada, Corexido, Vilamartín de Valdeorras, a Rúa, Viana do Bolo, Corzos, Valdanta, Cambela, Paradela, Larouco, O Bolo, Vilaboa, Baños, Meda, Santa Cristina, Castromarigo, A Veiga e Prado.

(121) Lei de Expropiación Forzosa do 16 de decembro de 1954. Art 32 et seq.

(122) A substitución da confrontación de intereses polar solucións achegadas polos "técnicos" estatais foi o achado ideolóixico máis duradeiro do franquismo no ámbito da cultura política, entre outras cousas porque devolveu a "imparcialidade" ao control das elites, co que impidiu calquera espectativa de intervención nos asuntos sociais das clases populares.

(123) Entrevista a Celso Rodriguez abril do 2002

(124) Lembranzas de Manuela Estévez Paradelo en https://www.albergueria.es/

(125) A Marcos Murias logo do seu paso por Alberguería asignáronlle a parroquia de San Xoán de Barrio, nas Terras de Trives.

(126) (127) e (128) Libro de actas de Plenos do Concello de A Veiga.

(129) La región, dous de xullo de 1958.

(130) Marcos González Martín, daquela bispo de Astorga foi dos xerarcas máis importantes da Igrexa española dos derradeiros anos do franquismo...xubilouse en 1995.

En memoria de todos os veciños do pobo de Alberguería que tuveron que abandonar este lugar (entre 1955-1960)  e que foron tan inxustamente tratados.

(A fotografía e o comentario é do autor da www, Secundino Lorenzo.)

Vovel a la página "O encoro do Umia" Saír