Este foi a viaxe que fixo Franco aquel día
(está marcado con puntiños). Pola mañán estuvo no Carballiño e
pola tarde, como se ve no mapa, foi primeiro ata os Peares,
logo volveu a Ourense e pasando por Castro Caldelas e Trives ata
Alberguería, onde chegou sobre as 18:00 horas. Logo, pola nova
estrada, baixou ata o
Barco por Santiagoso e Viloira, onde pasou algo certamente de
risa. (Este texto é do webmaster da www, como aclaración o que
sigue)
No que sigue poño o pe da letra o texto do libro
citado:
A única estadía de Franco na
bisbarra e por poucas horas produciuse durante a visita oficial a
Ourense en setembro de 1961. Iníciase o planificado percorrido
provincial o día 15 procedente de Vigo. A súa presenza ha servir para
resaltar a obra do réxime mediante diversas inauguracións. Pola mañá
inaugura no Carballiño a Residencia de Educación e Descanso "Xeneral
Moscardó" e máis unha piscifactoría no río Arenteiro. En Ourense
inaugura o edificio da Escola Normal de Maxisterio, no barrio da Ponte,
e a seguir recíbeno no Goberno Civil todas as xerarquías provinciais: o
gobernador, os alcaldes dos 93 concellos da provincia coas súas
corporacións; os cabidos das irmandades de Labradores e Gandeiros e
representantes do mundo empresarial.
Durante o transcurso do día,
ademáis, achégase a varias centrais hidroeléctricas en diversos lugares
da provincia. Franco inaugura ás 15:15 horas o salto de San Pedro, da
empresa Saltos del Sil, nos Peares. Aquí foi recibido polas autoridades
locais e provinciais, así como polo consello directivo da hidroeléctrica
. Entre eles por Julián Trincado (108)
daquela subdirector da empresa.
A fotografía non aparece no
libro citado. Foi cedida polo Diario O Sil para esta
páxina www.
Finalmente as 19:30, en dez minutos,
inaugura a presa de Penarrubia, da empresa Nacional de Electricidade
(ENDESA), en Quereño, Rubiá, para a continuación seguir viaxe cara a
Madrid con dirección a Ponferrada (109).
A organización da visita
oficial encomendáranlla ao gobernador civil da provincia, José María
Quiroga de Abarca, tanto no referente as inauguracións, actos e
homenaxes que ían realizar como no tocante o percorrido e á seguridade
persoal do Caudillo e do seu séquito. Primeiro barallaron dúas propostas
de itinerario, desbotando a que parecía permanecer máis tempo Franco na
Provincia.
Na fotografía está Jose María
Quiroga de Abarca o gobernador de Ourense, é o que extende a
man. Un home moi curioso, cunha historia moi particular,
pero que se lavou as mans no timo das terras de Alberguería.
(Comentario do webmaster)
O aspecto máis estudiado polas
autoridades provinciais foron as medidas que compría tomar para garantir
a seguridade, Desprazáronse a provincia a 1ª e a 2ª compañía da 81 bandeira da Policia Armada e contaban, ademáis, con todos os membros da
Garda civil provincial e máis efectivos da Garda de Franco e do Exército.
Ao tempo era unha práctica cotiá neste casos intensificaren o control
dos considerados como "desafectos ao réximen". Para iso a Garda Civil
aumentou os rexistros domiciliares cos que lles recomendaba a estes non
saíren da casa nestas fechas. (110)
Xunto as medidas de
seguridade que todo viaxe de Franco levaba implícitas, os gobernadores
civis eran conscientes de se xogaren o posto en función do grao de
fervor popular que poidesen mobilizar. Para isto utilizaban os
mecanismos da dictadura encarreirados a ofrecer unha explosión de
adhesións o máis grande posible. Mobilizábase en primeiro lugar a
Falanxe, que a partir dos anos cincuenta se tranformara na necesaria
"claque" do réxime para actos deste tipo; os funcionarios públicos; e
máis os obreiros industriais aos que lles daban unhas horas de permiso
coa condición de acudiren as concentracións por onde pasaba o dictador.
Co mesmo fin tamén os mestres mobilizaban os escolares, aos que lles
entregaban unhas bandeiriñas de España para dar máis cor.
Durante o treito da viaxe de
Prada ao salto de Penarrubia, o seu paso polo barrio de Viloira, no
Barco de Valdeorras, tiñan programada unha merenda nos xardíns da Casa
Grande dos Quiroga, pagada pola corporación barquense. Esa era unha das
paradas do percorrido que barallara o gobernador, familiar dos
propietarios do Pazo. Mais, ou ben este non comunicara coa suficiente
antelación que esta parada ficaba anulada ou ben houbo un cambio de
plans durante a tortuosa baixada de Prada. Carmen Polo, muller de
Franco, seica non quixo perder máis tempo. O caso é que o pasar a
comitiva de Franco por Viloira abalanzouse, levado polo entusiasmo,
sobre o coche en que viaxaba para abrirlle a porta o confeiteiro Antonio
Lago, que vestía uniforme da Falanxe. Ràpidamente varios membros da Garda
de Franco desenfundaron as súas pistolas e ó máis próximo ao incidente
mandoulle un culetazo de mosquetón na cara que fixo caer a terra o
entusiasta franquista. A comitiva seguiu o seu percorrido sen acelerar a
marcha.
Como colofón a toda a visita
do Caudillo o día seguinte os xornais provinciais resumían o
acontecemento. La Región mediante a máis encendida prosa lembraba de
paso o dereito de conquista do ditador, produto da guerra civil
"...a lo largo de las
carreteras que festonean la más abrupta geografía provincial. Por
doquier el vítor, la aclamación, el gesto de saludo. El pueblo
orensano ha confirmado de una manera que no deja lugar a dudas su fe
en el caudillo y su adhesión en bloque y sin fisuras como lo había
hecho veinticinco años atrás, cuando la provincia vació su juventud
en los frentes de combate y sus provisiones por todos los pueblos
recuperados de la miseria marxista" (111).
A construcción do pantano de
Prada así como a proxectada viaxe de Franco para continuar por
Valdeorras ata o encoro de Penarrubia permitiu rematar, cincuenta anos
despois do seu comenzo, a estrada que unía o concello da Veiga co do
Barco. Esta obra era unha vella arela comarcal dende a realización da
estrada de Ourense a Ponferrada que posibilitou a construción da ponte
de San Fernando.
A estrada proxectárana xa a
finais do século XIX e comenzaron a executar o primeiro tramo, duns seis
quilómetros ata a aldea de Santiagoso, en 1907. Continuaron os lentos
traballos ata o ano 1917 en que chegaron ao Alto da Portela, lindeiro
dos dous municipios. O Barco e a Veiga. Posteriormente na
dictadura de Primo de Rivera impulsouse o estudo do trazado do treito
que quedaba...
------------------------------------------------------------------------------------
(108) Explica que foi Julián
Trincado Settier (1921-2000) que posteriormente foi Director Xeral de
Fenosa.
(109) Explica que Endesa
dispoña dese pantano e escribe as características.
(110) É o caso do barquense
Leopoldo Fernández, que logo do rexistro efectuado na súa casa foi
apercibido de exerceren medidas gubernativas contra el por
atopárenlle unhas escopetas de madeira que fabricara como
enredos para os seus dous fillos.
(111) La Región 16 de
setembro de 1961.
Saír