UN INVERNO NA
VEIGA DO BOLO.
Escribe Luis López Fernández.

Pobo de Alberguería. A súa web
www.albergueria.es
faina Secundino Lorenzo.
Secundino Lorenzo e máis eu fomos compañeiros, fai poucos anos,
impartindo clases no IES “AS LAGOAS” de OURENSE. El é un paixoado da
historia e lembranzas do desaparecido pobo da ALBERGUERÍA. Un día de
parola, conteille que nos anos mozos, eu fora mestre nun pobo no
concello da Veiga do Bolo. Il pediume que espremese os miolos, e que
escribise todo elo. Así o fixen e aquí van as miñas lembranzas no
inverno, nos meses finais do ano 1965 e os primeiros do ano 1966.
--o--

A Veiga na provincia de Ourense

Mapa do Concello de A Veiga. San Lourenzo está a 5 kms. de A
Veiga.
--0--
De alí a dous anos de facer a oposición a mestre de ensino primario,
fun destinado na chamada “Campaña de alfabetización de adultos”, a
un pequeno pobo do concello da Veiga do Bolo, chamado San Lourenzo.
Para min, que me criei nun barrio da cidade de Ourense, foi toda
unha gran novidade.
A viaxe
ó pobo de San Lourenzo, cando case ninguén tiña coche,
era unha
aventura, e podía durar case dous días.
Eu
lembro duas
viaxes:
Unha
foi collendo o autobús dende Ourense a Verín, logo outro dende
Verín á Gudiña, logo o seguinte da Gudiña ó alto de Covelo, e logo
o último ata o pobo da Veiga. Isto supuxo dous días. Despois do
tempo que había que pasar entre un autobús e o seguinte, fixen a
primeira noite na Gudiña. O seguinte día, viaxe ata o alto do
Covelo, parada de horas nunha tenda-bar, cas portas abertas tremendo
de frío. Un vello autobús con bancos corridos de madeira que non
estaban fixos, nunha estrada chea de curvas vamos para a Veiga.
empezou a chover dentro e tivemos que abrir os paraugas. Falou un
veciño para contarnos como naquela curva que pasamos había dous anos
que os habían parados os atracadores, e que lle habían levado poucas
cousas.
Outra
viaxe foi dende Ourense á Rúa. Saía o tren sobre ás doce da noite,
cheguei case rompendo o día. Alí un mozo vendía na estación vellos
libros de clásicos españois, que ninguén miraba para eles, só eu
merqueille algúns. Despois de esperar bastante tempo collíamos un
autobús este era mellor-, despois de moitas paradas –campaba no alto
a torre do Bolo-, chegamos a Veiga

Pobo da Veiga. Fotografía Secundino Lorenzo. O
río que se ve é o río Xares.
A capital do concello da Veiga, era un pobo disposto ó longo dunha
rúa principal, dispoñía dunha gran tenda –que vendía de todo- que
era propiedade dun señor que viñera de Ávila, vendedor ambulante que
se estableceu alí - como aconteceu con outros tamén na capital de
Ourense-. Súa filla, que logo foi mestra en Ourense, tiña un
tocadiscos –inda non había televisión-, que nos iamos a escoitar
algunhas veces.Tamén había un bar bastante axeitado, a Casa do
Concello, a do médico, a Casa Cuartel da Garda Civil, dúas fondas e
pouco máis. Celebrábase unha feira de gando bastante concorrida,
onde unha alegre moza traballaba sacando fotografías, un vendedor
de gafas graduadas, estendidas sobre unha manta, o comprador, ía
probando cas que vías mellor.
Pero a Veiga non era o destino definitivo, había que ir ós pobos do
Concello, para os que non había transporte. Como chegarase ó
anoitecer e estabamos no inverno, había que facer noite nunha das
dúas fondas que había na Veiga. Nos parabamos na que estaba no
fondo do pobo a dereita, onde a “pousadeira” recibíanos con grande
delicia e moi fortes apertas. Caserón antigo de pedra, subíase uns
chanzos, topábaste con unha grande lareira de pedra que tiña grandes
bancos con respaldo onde se quentaban e parolaban todos. Pasábase
por un longo corredor cas frías e rústicas habitacións ás veiras,
as portas non pechaban ben –de noite había moita movida-, o fondo
dúas estancias que facían de comedor. A comida era todo un gozo
para a vista, e o gusto. Sentados o redor dunha grande mesa, ían
poñendo no medio grandes fontes de sopas, caldos, cocidos e asados,
acompañadas de viño e bo pan, collendo de cada unha delas a fartar.
A pousadeira gabábase, nas longas parolas o redor da lareira, de que
cobradores da Facenda e inspectores de educación, que tiñan que
recorrer o Concello quedábanse alí varios días e logo volvían a casa
sen facer o traballo.
Para o outro día había que ir o pobo onde estabamos destinados. Non
só non había transportes, tampouco estradas, só malos camiños de
terra e pedras, se non levabas cousas de moito peso, facíase a pe,
pero non si había que recorrer o único coche, un Land Rover, que
tiña un mozo solteiro, Luis Prada. E así cheguei a San Lourenzo, na
mala pista que ía da Veiga a Xares.

Pobo de San Lourenzo (A Veiga-Ourense).
Fotografía de JPY.
Alí conseguín, non sen traballo, pousada nunha casa particular dunha
señora que tiña o marido emigrante en París. O alcalde pedáneo,
tocou a campá dunha capela que estaba no alto do pobo, e alí
comunicou os veciños presentes, que había escola de noite para os
que quixesen acudir. O local escolar era unha estancia no baixo
dunha casa, de día unha mestra dáballe clases ós nenos –serían uns
trinta-. Tiña que solucionar dous problemas: por un lado non había
luz no local e polo outro cando chovía o piso como era máis baixo
que o camiño, inundábase, o pasar frío xa se daba por feito. O
primeiro foise solucionando ca axuda dun mozo, que dando golpes nos
cables cun zapato logrou a conexión –o Concello non daba arranxado-,
e o outro, no chan chegou a haber unha cuarta de auga e non podiamos
ter as clases cando isto acontecía. A estas clases pola noite
asistían moitos mozos e mozas, e os domingos despois da misa, como
non tiña outra cousa que facer, daba clases polas mañás, as que
asistía bastante xente.

San Lourenzo (A Veiga). Fotografía de Fabrice
Roger.
Os veciños e veciñas, era xente sinxela, altos o de mediana
altura, delgados, de pel branca, tostados polo sol e o aire,
parecían decididos e dispostos, sobre todo as mulleres. Como zona
que é de montaña, as terras de labor non son moi abundantes, pero si
a cabana gandeira. Pola mañá, sobre as nove ou dez, a golpe de
trompeta ou de campá, xuntábanse na explanada do alto do pobo todas
as ovellas e cabras, e con todo o rabaño, marchaba un veciño que
facía as veces de pastor. A quenda dependía do número de cabezas que
tiña cada un. Tamén se falaba moito da caza, e sempre de corzos.
.jpg)
Pobo de Xares. Fotografía Secundino Lorenzo.
Xares era un pobo grande e moi bonito, con unha aira grande e casas
de balcóns de madeira, pegadas unhas a outras, ca escola na parte
baixa –había mestre e mestra-. Cruzábase o río dando saltos de
táboa en táboa por unha pasarela de madeira-. Cando eu ía a ver un
amigo –para desesperación deste-, o señor da casa pasaba horas
falando de contos do pobo, que o rematar despois de horas, e volvía
a repetilos na mesma orde e cas mesmas palabras – que magoa non
habelos collido-. Falábame, entre outras moitas cousas, dos “fuxidos”, de como estivera alí un destacamento de soldados para
perseguilos, de como unha nena, que era súa filla, tiña que levarlle
tódalas mañás o leite da vaca ó capitán.

Río Xares, por riba do pobo de Xares do
que fala o meu amigo Luis. Había nevado bastante.
Fotografía de Secundino Lorenzo.
E onde hai ovellas anda detrás o lobo. Do médico dicían que cando
ía no inverno ós pobos, atender as urxencias montado na mula,
saíanlle os lobos e pasaba moitos apuros. Eu que facía moitas veces
correndo o camiño de San Lorenzo a Xares, topábame con rabaños e
pastores, máis en certa ocasión dous grandes “cans”, seguíanme, e
despois dixéronme eran os lobos que estaban ollando o rabaño.
Aquel inverno, nevou dabondo, tanto que case vinte días non puidemos
saír do pobo. A pasar frío, a comer carne de porco –os chourizos
eran moi bos-. Era o tempo das “matas” que facían tódolos veciños,
ás que o cura nunca faltaba. Relacionado ca neve lémbrome de dous
acontécenos. Un domingo a mañá había unha gran nevada, saín de S.
Lorenzo cara Xares, o caso e que me perdín polo camiño, os camiños e
os tellados estaban cubertos de neve e non se distinguían, a pesares
de coñecelos ben. Naquela mañá fría e escura, logo de dar moitas
voltas, pareceume que por fin vía fume que saía dunha casiña, alá
fun monte a través, a caso e que cheguei de novo ó pobo de saída.
Algunhas tardes ía ó bar da Veiga, onde me xuntaba con algúns
compañeiros, como sempre había moita parola, e remataba volvendo a
San Lorenzo cando comezaba a noite, caían folepas ía a paso apurado,
cando ó lonxe ouvín como xemía algún animal ou persoa. Vin unha mao
entre a neve, achegueime, era un vello, que se perdera polo camiño.
Xa sendo noite pecha alá o subín o lombo e con el cheguei a súa casa
derregado, con delicia da súa muller, que estaba moi preocupada.
Os
“fachóns”, foron para min outra novidade. Nunha das
camiñadas que faciamos polas tardes, ala chegamos o pobo da
Hedreira, tiñamos fame e no sobrado dunha casa había unha pequena
tenda, sentamos na mesa que había, o único que tiñan para comer eran
latas de conservas, dimos boa conta delas, acompañados de viño, máis
ca parola fíxose noite. Os camiños dos pobos eran de pedras e
barro, ca choiva e ca neve estaban cheos de lama e había que ir de
salto en salto, o alumeado público non existía, a noite era escura e
fría. A solución foi dunhas veciñas, cos fachóns. Foron por palla e
apresando e enroscando fixeron uns “mollos”, cada un de nos levaba
un par deles, e prendendo uns nós outros –viñan durando uns dez
minutos cada un-, conseguimos chegar a casa.
Lembro unha grande comida que serviu a patroa da casa onde vivía, só
por que tiñan a costume de facela para certos veciños –como se fora
unha obriga-, foron sete pratos, o cuarto xa non podía máis, pero
iles seguían comendo. Lembro tamén a “corrida do galo”. Os
nenos polo Entroido, levábanlle os mestres un galo, logo soltábano
polo monte e todos a correr tras del. Non quedaba ben de saúde. O
meu amigo de Xares, meteuno nunha caixa e veu con el no coche, pero
no viaxe escapoulle da caixa, e como non se daba pillado, ala o
chofer tivo que parar o autobús.
Entre os personaxes populares que por alí vivían, estaba o
Gregorio, o gaiteiro de Xares, que tocaba os domingos pola tarde.
Xuntábanse mozos e mozas para bailar e parolar. Un día foi o
Gobernador Civil de Ourense -home moi importante entonces-, a
inagurar algo e o Gregorio tocoulle, unhas pezas das que quedou
encantado. Outro personaxe era o practicante (hoxe ATS) –non me
lembro do nome-. Tiña unha moto e un coche pequeno, un Renault, un
luxo cando inda non aparecera o Seat 600. O practicante colocaba os
seus vehículos –coche e moto- diante do único bar que había na
Veiga, como xa dixemos, e alí o aire libre tentaba reparalos, pois
sempre tiñan avarías. O seu verdadeiro traballo era o de poñer
inxeccións e facer curas, e para elo desprazábase no seu pequeno
vehículo, que tiña catro portas, como non quería ir só, alá o
acompañabamos os mestres. Era un mañoso, tiña enganchado con unhas
gomas un transitor ó taboleiro – ó tempo inda non se inventara o das
radios nos coches- e botaba un arame pola ventá, que facía o o
oficio de antena. O chegar os pobos era a “revolución”, preguntaba
¿quen ten que poñer a inxección?, uns viñan e outros non querían,
xa que era voluntario. O noso amigo tiña unha historia oculta –tal
como me contaron-, estivera vivindo en Madrí, onde tivera relacións
con unha artista ou cantante famosa, pero ela deixouno por outro,
triste e abatido abandonou a capital, para vivir súa tristura no
pobo da Veiga. Acabou a vida “fochicando” que era o que lle gustaba.
Un día –pasados uns anos-, lendo a informacións de sucesos, nun
xornal, souben o seu final: desde a ventá da súa casa intentou
arranxar uns cables eléctricos, tivo unhas fortes descargas e así
morreu aquel home solitario e soñador.

Salto de Prada, con Alberguería desaparencendo baixo as augas.
O Salto de Prada, que había inundado o pobo da Alberguería, facía
uns anos que habían rematado as obras, alí pouco se falaba, só de
que xente do pobo traballara alí durante dous anos. Lembro que un
barqueiro cruzaba o encoro, mentres unha moza ía tocando a gaita. Da
Alberguería eran a Familia Prada –eu coñecín en Ourense a Ovidio e
Luís-, propietarios dunha hidroeléctrica, que abastecía de luz a
todo o Concello. Do pobo de San Fiz, situado nunha forte ladeira,
dicían que ataban os carros con cadeas.

Os mestres e curas que por alí viviamos eramos case todos xente
nova. Como tíñamos poucos anos de servizo, para nós quedaban sempre
os postos vacantes, que eran as poboacións de difícil comunicación.
Era un mundo novo e moi diferente o que tiñamos que acostumarnos. O
non ter medios de transportes a estancia alí duraba boa parte do
ano, só viñamos a nosa casa familiar polo Nadal, semana santa,
verán, e si podiamos nos entroidos. Os homes, naqueles tempos,
tiñamos máis liberdade de movemento, e xuntabámonos nun pobo ou en
outro cando o tempo o permitía. A maioría das mestras pasaban o
tempo entre e casa e a escola, dándose casos de que remataban
casando cos mozos da casa onde vivían. A medida que ían aparecendo
novas vacantes, iamos pedíndoas pasabamos a un novo destino, mais
preto da nosa casa e familia. Sempre queda en nós, e queda para os
que fomos compañeiros a lembranza os anos mozos alí vividos. ESPERO
ALGÚN DÍA VOLVER A VISITAR A VEIGA DO BOLO.
LUIS
LÓPEZ FERNÁNDEZ.
-------------------------------------------------------------------------------------------

Nacín
no ano 1942, e vivín os anos de estudante na cidade de Ourense.
Dediquei a miña vida profesional –corenta anos- o ensino. Primeiro
como profesor de adultos na chamada “Campaña de alfabetización de
adultos”, logo como profesor de “Educación Especial” en Vigo con
nenos deficientes, pasei despois a profesor da EGB, facendo tarefas
de director, e rematei como profesor de Ensino Secundario. Na
actualidade estou xubilado, dedicando o meu tempo a escribir artigos
sobre historia –a miña paixón-, a música e tamén atendo a horta
ecolóxica.
LUIS LÓPEZ FERNÁNDEZ.
------------------------------------------------------------------------------
Moitas gracias Luis por este traballo e por suposto por deixarme
publicalo na miña páxina web sobre Alberguería.
Gracias.
Secundino.
Saír.
|